Remata a campaña da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, A nosa compra en galego, cunha participación do cen por cen entre os comerciantes dos mercados.
Esta campaña, que tiña como obxectivo fomentar o uso do galego nos mercados municipais coruñeses e a recuperación das formas tradicionais de compra e venda, repartiu 8500 cadernos da listaxe da compra entre os clientes dos mercados e 275 dicionarios sobre a linguaxe do comercio aos vendedores.
Ademais, revalorizou os mercados como lugar de transmisión cultural achegando formas artísticas como a danza ao Mercado Municipal das Conchiñas, a música ao de Santo Agostiño e a poesía ao Mercado da Praza de Lugo. Neste último, a acción poético- sonora “falar e andar cos mesmos pés”, desenvolvida por David e Estevo Creus xunto ás bailarinas Marta Alonso e Paulina Funes, contou con unha especial participación dos comerciantes que, durante 45 minutos, gozaron dos novos conceptos multimedia de creación poética e desprazáronse, xunto aos artistas, polos distintos recintos do mercado municipal.
Para ver máis imaxes sobre o espectáculo de danza no Mercado Municipal das Conchiñas, o concerto de Lucía Aldao no Mercado Municipal de Santo Agostiño e o acto poetico- sonoro da compañía "Non ou", preme aquí.


