Mai 11

Campaña

Desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, organizamos máis un ano por estas datas a campaña O galego medra contigo!, este ano dirixida a nenas e a nenos de 5 a 10 anos e ás súas familias. Esta campaña ten como obxectivo intentarlles transmitir ás familias a importancia do valor das palabras ligada coa importancia da transmisión interxeracional da lingua galega.

Dentro desta campaña, contamos con:

  • Tres concertos musicais infantís (Pablo Díaz e a banda Tic-Tac, que estiveron o sábado 30 de abril na praza das Conchiñas; o Grupo Pirilampo, que vai actuar este sábado 7 de maio ás 18.00 h no Campo de Marte; e o Grupo Pesdelán, que estará o sábado 14 de maio ás 18.00 h na praza de Pablo Iglesias).
  • Cinco obradoiros lúdico-musicais a cargo do mariñeiro Ith, Pablo Díaz, Olga Kirk e Álex Fente. Nestes obradoiros, Ith vailles contar a súa historia ás e aos rapaces asistentes e ás familias destes e vai introducir unha actividade musical con cantigas tradicionais sobre os oficios tradicionais que levaban a cabo os nosos avós e avoas: aparecen mariñeiros, serradores, segadores, labradores, arrieiros e canteiros. A través destas cantigas, vanse realizar xogos e coreografías musicais e xestuais. Imos ter obradoiros o venres 6 de maio ás 18.00 h na A.C. Manicómicos (rúa Andrés Gaos, 16, baixo); o sábado 7 ás 12.00 h no Centro Cívico de Labañou; o sábado 7 ás 18.00 h no Centro Cívico de Monelos; o xoves 12 ás 18.00 h en Xacarandaina; e o venres 13 ás 18.00 h no Centro Cívico de Mesoiro.
  • O Concerto das Letras o sábado 14 de maio ás 21.00 h no Parque de Santa Margarida, en que van actuar os grupos Ondas Marthenot, Os Tres Trebóns e Skacha.

As actividades da campaña O galego medra contigo! este ano teñen como fío condutor o mariñeiro Ith, que leva ese nome porque fai referencia a Ith o fillo de Breogán, personaxe lendario moi vinculado coa fundación da cidade da Coruña. Ith é un mariñeiro que percorre todo o mundo e, en cada lugar en que está, apaña palabras e vínculos afectivos. Chega á Coruña entusiasmado pola fermosura dos nomes das puntas do mar como o Boi, a Vaca… e con moitas ganas de aprender todas as palabras galegas. Tal e como se explica no conto de Ith:

Ith, navegante universal, coñecedor de centos de linguas, sabía que as palabras mudaban o vestiario da súa pronuncia en cada lingua e en cada país. Todas as palabras eran irmás con cadanseu acento propio e construían poderosos idiomas con que as diferentes sociedades se entendían, rían e amaban.

Materiais

Ás familias participantes, ímoslles entregar os seguintes materiais para levaren para as súas casas e seguiren traballando a transmisión interxeracional da lingua coas súas fillas e fillos:

  • Un CD coas cancións que se van traballar nos obradoiros.
  • Unha unidade didáctica co conto da historia de Ith e as letras das cancións que se traballaron nos obradoiros.
  • Un xogo deseñado polo artista gráfico coruñés Manel Cráneo. Trátase do xogo do lince, que consiste en fichas con pictogramas e a palabra correspondente a cada debuxo en que imos intentar que se traballe en familia léxico relacionado co mar e coas profesións.
  • Adhesivos
  • Etc.

Programación de actividades

Sábado 30 de abril

12.30 h Espectáculo musical infantil de Pablo Díaz e a banda Tic Tac

Praza das Conchiñas

Entrada sen convite

Mércores 4 de maio

11.00 h Correlingua

Carreira en prol da lingua galega que vai saír do Pavillón dos Deportes de Riazor e rematará na Torre de Hércules

Venres 6 de maio

18.00 h Obradoiro lúdico-musical con Pablo Díaz, Olga Kirk e Álex Fente

A.C. Manicómicos (rúa Andrés Gaos, 16, baixo)

Capacidade limitada: 40 prazas, que se outorgarán por orde de chegada

Dirixido a nenas e nenos de 5 a 10 anos

Entrada sen convite

Sábado 7 de maio

12.00 h Obradoiro lúdico-musical con Pablo Díaz, Olga Kirk e Álex Fente

Centro Cívico de Labañou (perpendicular á rúa Colombia)

Capacidade limitada: 40 prazas

Haberá que recoller os convites, a semana do obradoiro, no propio centro cívico.

Dirixido a nenas e nenos de 5 a 10 anos

18.00 h Obradoiro lúdico-musical con Pablo Díaz, Olga Kirk e Álex Fente

Centro Cívico de Monelos (avda. de Monelos, 2-A)

Capacidade limitada: 40 prazas

Haberá que recoller os convites, a semana do obradoiro, no propio centro cívico.

Dirixido a nenas e nenos de 5 a 10 anos

18:00 h Espectáculo musical-infantil de Pirilampo

Campo de Marte

Entrada sen convite

Xoves 12 de maio

18:00 h Obradoiro lúdico-musical con Pablo Díaz, Olga Kirk e Álex Fente

A.C. Xacarandaina (rúa Historiador Vedía, 3)

Capacidade limitada: 40 prazas, que se outorgarán por orde de chegada

Dirixido a nenas e nenos de 5 a 10 anos

Entrada sen convite

Venres 13 de maio

18.00 h Obradoiro lúdico-musical con Pablo Díaz, Olga Kirk e Álex Fente

Centro Cívico de Mesoiro (rúa Os Ancares, 15)

Capacidade limitada: 40 prazas

Haberá que recoller os convites a semana do obradoiro no propio centro cívico.

Dirixido a nenas e nenos de 5 a 10 anos

Sábado 14 de maio

18.00 h Espectáculo musical infantil de Pesdelán

Praza de Pablo Iglesias

Entrada sen convite

21.00 h Concerto no Parque de Santa Margarida:

-Ondas Marthenot

-Os Tres Trebóns

-Skacha

Entrada sen convite

Nota: todas estas actividades son de balde.

Materiais da campaña que se poden descargar:

-Unidade didáctica

- Programación de actividades


Chuzame! A Facebook A Twitter

Non se permite comentar esta nova.

Olark Livehelp